Skip to main content

Biografía Oroza

 

 

 

“... tenía el orgullo de su hambre y presumía de vivir de su propia austeridad. Flaco como un sarmiento, cetrino, ahumado de nicotina por dentro y por fuera, tenía la displicencia de un iberismo irredento".

MANUEL VINCENT

 

A actitude errante e desapegadiza de Carlos Oroza non é proclive á construción dunha biografía ao uso. A súa vida está inzada de parénteses baleiros, datas esvaecidas, e son numerosos os feitos de complicado contraste. Sabemos, está claro, que naceu en Viveiro o 13 de maio de 1923, e que moi novo —doce anos, catorce anos, segundo fontes— deu en marchar a Madrid. E aí empezan as brétemas.

Viviu en Madrid entre as décadas dos 50 e 70. Poucas certezas temos do seu acontecer nos seus primeiros anos de estadía madrileña.

Nos anos 60 convértese nun destacado poeta recoñecido polo seu  modo de recitar, e instálase nunha triloxía da austeridade que o acompañará sempre: o café, o tabaco e a maleta. Neses anos establece os cimentos da súa obra, que se caracteriza por unha oralidade primaria, radical, que foxe de calquera veleidade co texto escrito. Con estación de retorno en casas de amigos e pensións paupérrimas, viaxa recitando dentro e fóra de España e convértese xa nos 60 nunha referencia no mundo da contracultura, feito ao parecer trivial para o poeta pero que pautará a súa vida durante máis dunha década.

Respecto diso dicía: «Yo no sé qué tendré que ver con los poetas de la generación beat [...] dejo que otros teoricen sobre mí».  «Odio las etiquetas [...] pero estoy de acuerdo con su actitud poética: sinceridad, universalismo, canto a la libertad, defensa de la poesía oral y de comunicación directa con el auditorio», dicía nunha entrevista a un diario madrileño o 15 de xullo 1967.

Aínda que sempre firme na seu defensa da poesía oral e non mediatizada pola escritura, Oroza aceptaba de bo grado outras formas de mediatización. Gustáballe gravar os seus recitais, e a súa poesía tivo como soporte numerosos casetes, que contribuían ademais a sufragar a súa austera vida na súa etapa de bohemia madrileña. Tamén era especialmente receptivo ás colaboracións con artistas plásticos ou músicos.

En 1965, Carlos Oroza participa nun vinilo editado por Ariola interpretando o poema «Malú» con música de Pedro Ruy Blas e o grupo Eclipse, todo un referente da música progresiva sesenteira. Poucos anos máis tarde, en 1969, é convidado por Manuel Summers á rodaxe dunha película en Eivissa¸ "¿Por qué te engaña tu marido?" . No cameo, Oroza interprétase a se mesmo como axitador beat nun mitin e recita unhas

estrofas dun dos seus poetas preferidos, Walt Whitman. A estancia prolóngase e o poeta acaba quedándose na casa que tiña na illa o pintor Eduardo Úrculo.

Eivissa resulta prolífica: «En Ibiza mi poesía se transforma, el verso se hace ancho. Allí encontré el ritmo que buscaba. Yo le debo todo a Ibiza, allí compuse mis versos más conocidos», recoñece o poeta.

O beatnik, o hippie, ou o telúrico, maioritariamente percibido como psicodelia, e, sobre todo, un moi vital antifranquismo fraguan nestes anos pre e postibicencos a obra do poeta.

Exemplos diso: «Se prohíbe el paso», «Pliego de Cargos»  e  «Crónica» son tres exemplos do que Rei Núñez denomina «poesía airada», poemas sociais substancialmente distintos do quefacer poético antifranquista do momento, que interpelan de forma singular e coral os espectadores sobre ditadura franquista e a sociedade en branco e negro da época.

Estes poemas sitúan o poeta nunha popularidade inusitada no tardofranquismo. Foron parte emblemática durante os seus recitais nos círculos universitarios e progresistas da época aínda que posteriormente deixou de recitalos decantándose cara a unha poesía máis reflexiva.

Con Victor Lizárraga e Vitoria Paniagua funda en 1972 a revista Tropos na que se recolle unha extensa entrevista titulada «Iniciación a la Opera Omnima». Nela o poeta explica: «Toda mi obra la concebí al dictado, oralmente».

"'le pertenece un dominio casi exclusivo; el doble orgullo de lo absoluto y de su ocultación" ... "pocos tienen tanto derecho a ser llamados maestros, de no ser quizá tal denominación incompatible con lo radical de su gesto, con esta poesía en mutación siempre en pos de sí misma".".

PERE GIMFERRER

Na década dos setenta, o poeta recapitula e afiánzase nun teimoso proceso ascético, de ir quitando cousas, de ir ao esencial. Desde 1973, pasa longas tempadas no Courel co seu amigo o poeta Uxío Novoneyra, o gran poeta oral de Galicia, ao que coñecera en Madrid. O poeta de Parada do Courel preséntalle a Méndez Ferrín e introdúceo na cultura galega. Actúa como cómplice e mentor, e coa inestimable axuda de Reimundo Patiño compilan a súa obra en 1974 impulsando a súa publicación na vangardista editora Tres Catorce Dezasete.

O resultado será un monumental cartafol metálico coa que Oroza asombrará os tertulianos do Xixón. É titulada cun dos seus nomes inventados, Eléncar, acrónimo de Elena, a súa parella, e Carlos. Un dos moitos neoloxismos de Oroza.

Palabras crípticas que esconden o seu significado que balizan toda a obra do poeta. «Lugares y materiales desconocidos, colores extraños, palabras perdidas [...] que nos empujan hacia un ritmo lejano, compartido», di Branca Novoneyra. Ocultación que no caso de Eléncar esconde de forma relativamente transparente o desdobramento no outro nomeado e amado no topónimo: «[...]cuando ella se convierte en mí / yo me convierto en ella / no es más que su costado / solidario después / pero íntimo y profundo en el momento». Poesía que reclama a éxtase do momento, como indica este verso soberbio: «Ayer puse un pie en el aire y vi la ciudad iluminarse para arriba».

Retratado como personaxe central da bohemia madrileña dos anos 60 por Francisco Umbral en “La noche que llegué al Café Gijón” (1977), Oroza era o diapasón nas reunións do emblemático café do paseo de Recoletos. Conta Umbral que coa súa chegada ao café, iniciábanse os faladoiros da tarde e que non se concibía o café sen a súa presenza. A súa lendaria e ás veces díscola actitude, e a súa audacia en comportamentos e respostas encheron de anécdotas a prensa.

Ao amparo da editorial de Isaac Díaz Pardo e coa colaboración do inefable ilustrador Chichi Campos publica os seus poemas en algo que por primeira vez puido ser chamado libro en 1980 “Cabalum”, iniciando unha década que o vinculará a Galicia de forma definitiva. Nela normaliza a súa situación coa cultura galega e curiosamente faino cos autores máis novos.

Ramiro Fonte dedícalle poemas e Oroza tradúcelle ao castelán “As cidades da nada” (1983), Manuel Forcadela convive co Santiago e dedícalle poemas (85-87) e o libro “O regreso dás ninfas” (1985).

Na década dos noventa establece unha estreita amizade con Luís Rei Nuñez, poeta, escritor e responsable de servizo de publicacións da Deputación de Pontevedra, que promove unha edición que se converterá nunha nova recensión do poeta de Viveiro: “En el norte hay un mar más alto que el cielo” (2000), unha das súas referencias impresas máis compactas e antolóxicas. Ao ritmo do mantra e das imaxes que iluminan a linguaxe, Oroza recapitula de novo a obra que andaba a rumiar sempre e postula nos seus novos poemas a procura do afastado, no mar, no norte, o velada e metaforicamente en Galicia.

Roldando os 2000, establece unha cordial relación con Xela Arias que o acompaña polos institutos en recitais de pequeno formato. Convértense en inseparables e é público o rumor de que a poeta traduce «Cabalum» ao galego, iniciativa truncada ou lenda urbana da que pouco sabe.

Nesa década, en 2006, publica en París “Un sentimiento ingrávido recorre el ambiente”, un cartafol cun poema de e 5 litografías de Lamazares, prologadas por César Antonio Molina.

A singularidade vital de Carlos Oroza non só se cingue ás crónicas canallas da bohemia madrileña dos 70 e 80. Tamén brilla con luz propia na ficción da xeración posterior reflectido en obras como a popular “A praia dos afogados” (2009), de Domingo Villar ou antes na cervantina novela “O señor Lugrís e a negra sombra” (2007) de Luís Rei Núñez, o seu editor no 2000.

Co paso do tempo e instalado nun austera pero case amable vellez, chegoulle o momento de recibir recoñecementos  e certo é que non tivo poucos: Vigo, a súa cidade de acollida, outórgalle en 2008 o Premio Laxeiro, que recibe do ministro de Cultura, César Antonio Molina;  premio Vigués Distinguido 2013. Actualmente, unha rúa situada no centro da cidade leva o seu nome «Poeta Carlos Oroza», e a poucos metros xunto con versos de outros e outras poetas pódese ler en el no chan do kilómetro 0 de Vigo:

 

“Oh eva

évame malú

évame Malú”

                    Carlos Oroza

 

Recibe tamén a Medalla de ouro do Circulo de Belas Artes de Madrid (2014) á calor do seu amigo e estudoso da súa obra, o pintor Antón Patiño. A iso sumáronse edicións primorosas (Editorial Elvira) ou de coleccionista como o libro que contén os versos orixinais de «América» e «Juventud» (2015) con tradución ao xaponés e imaxes pictóricas de Yurihitto Otsuki que promoveu o crítico de arte Tomás Paredes.

A salientar nesta última época a achega cardinal dos seus definitivos protectores, Xabier Romero e Editorial Elvira, que ao abeiro dunha relación familiar e cómplice publican novas versións dos seus vinilos, e realizan a vontade do poeta a última compilación da súa ópera ómnima, «Évame» (2013). A súa presentación en Mondariz convértese nunha sentida homenaxe ao que acoden Ferrin e Gimferrer entre outros moitos.

Poucas néboas hai do resto: falece un 20 de novembro de 2015 á idade de 92 anos.

Sobre  Oroza

  • La noche que llegué al café Gijón (1977)”.
    Francisco Umbral. Editorial Planeta.



Oroza en Imaxes

1964

Años 60

1969

1969

Oroza na película de Summers ¿Por qué te engaña tu marido?

Años 60

1973

Uxio Novoeneyra e Carlos Oroza no Val do Lor, O Courel.

años 60

Con Laxeiro e a sua muller (esquerda) e un novísimo Francisco Umbral (dereita).

2000

Con Rei Nuñez revisando os textos de
"En el norte hay un mar más alto que el cielo" na alameda viguesa.

2013

Xabier Romero e Carlos Oroza na Presentación de "Évame" en Mondariz Balneario.

2014
Reina Sofia

Oroza e Tomás Paredes no recital de clausura do  Congreso de Arte Político.
Madrid. Museo Reina Sofía el de noviembre de 2014

2013

 Pere Gimferrer e Carlos Oroza.
Presentación de "Évame" en Mondariz Balneario.

2014
Círculo de Bellas Artes

Carlos Oroza  e Anton Patiño no acto de recepción da Medalla do Circulo de Bellas Artes de Madrid.

 

 

 

obra publicada

MALU

Disco en vinilo. Ariola.

Gravación realizada en 1965, con Carlos Oroza interpretando o poema "Malú" coa música de Pedro Ruy Blas e o grupo Eclipse. Hai outra edición en CDr de edición limitada que recolle tamén o tema Malú en "Revolution! Evolution! Change", selección de música progresiva Unofficial Release (2005) 

SE PROHIBE EL PASO

Edición clandestina. Madrid 1969

Cartel de 34.5x51, caligrafiadoe  serigrafiado a dúas tintas sobre cartulina forte. Contén o emblemático poema e debuxos de Carlos Gonzalo.

ELENCAR

Editorial Tres, Catorce, Diecisiete, Madrid, 1974.

Libro de artista de 49,5x36 con tapas de alumino e estuche en cartoné con 5 serigrafías en color de Benigno Morilla, un poema visual de Ignacio Gómez de Liañoe unha partitura musical de B. Morilla.

ALICIA

Editorial Cuevano, Santander, 1984

ISBD 978-84-86245-16-0

CABALUM

Ediciós do Castro. Sada - A Coruña, 1980

 (1ª edición) 1980

OCHO POETAS RAROS

Machado Grupo de Distribución y Les Punxes  (1992)

Edición de José Luis Gallero e José María Parreño. Conversacións e poemas de autores "raros". Edición na que Oroza é acompañado por Miguel Ángel Bernat, Blai Bonet, Pedro Casariego Córdoba, Teresa Gracia, Juan Hidalgo, Joseba Sarrionandia e Eduardo Scala.

 

UNA PORCIÓN DE TIERRA GRIS DEL NORTE

(1996)

EN EL NORTE HAY UN MAR MAS ALTO QUE EL CIELO

Diputación de Pontevedra, Pontevedra 1997

Primeira edición 1997, revisada e ampliada en 2005 (Deputación de Pontevedra).

A CHAMA EMPRESTADA | LA LLAMA PRESTADA

Edições Tema. Lisboa, 1998

CUANDO SE HABLA DE TI

Obradoiro Gráfico. Mos, 1998.

Caderno de 32 páxinas con poemas ilustrados por Francisco Mantecón.
DESEXO SEN TRÁMITE

Edicións Aguatinta, 2006

Cartafol con poemas de Carlos Oroza, cunha serigrafía de Antón Lamazares en cinco seccións de (13 x 19 cm)

UN SENTIMIENTO INGRÁVIDO RECORRE EL AMBIENTE

Raiña Lupa y Yves Rivière. París 2006

Cartafol cun poema de Carlos Oroza e 5 litografías de Lamazares (50,5 x 66,5 cm) con prólogo de César Antonio Molina.

AMERICA

Centro Editores de Madrid y Nagai Garou de Tokyo, 2015

Libro de artista en xaponés i español. Contén os versos originais de "América" e "Juventud" de Oroza, e a traducción ao manuscrito japonés realizada por Yurihitto Otsuki, e as súas imaxes pictóricas, estampadas en papel de Arches algodón Velin. Editor Tomás Paredes, Presidente de la Asociación Española de Críticos de Arte/ AICA Spain.

ÉVAME

Editorial Elvira, Vigo, 2012

Poesía completa. Primeira edicion en tapa en 2012. En el 2015 se realiza una segunda edición con tapa dura que inclue alguno dos debuxos do autor.



Web patrocinada por

© Evame Oroza. Todos los derechos reservados.
Desarrollado por Bonaval Multimedia SL.