A exposición contra TIEMPO de Simón Pacheco xa luce en Évame Oroza
O mércores 31 de xullo (19:00 horas) terá lugar, no local de Évame Oroza, a inauguración da exposición Contra TIEMPO de Simón Pacheco. A mostra poderá visitarse ata finais de setembro, de luns a venres, en horarios de 16:30 a 20:00h.
Contra TIEMPO, de Simón Pacheco, é unha exposición de fotografías de pequeno e mediano formato (entre 10x15 e 20x30 cm). E quen mellor que o propio Simón para falar da súa obra: "O tema das miñas investigacións como artista foi sempre o tempo, a percepción subxectiva e a resistencia á inexorabilidade da entropía. Actualmente, a miña obra é un intento de manipular plásticamente a miña propia percepción subxectiva do tempo mediante a viaxe permanente. Unha imaxe recorrente na miña obra é a representación gráfica do crecemento como un intento de combater o tempo mediante a conquista do espazo..."
O autor. Simón Pacheco (Santiago de Compostela, 1968) é un artista visual, que experimentou con diversos medios, dando lugar a modos de expresión sorprendentes, desde a pintura e a fotografía ao deseño, o vídeo e a sucesión de imaxes en ámbitos non convencionais. Podemos ver exemplos da súa obra en diversas coleccións públicas e privadas, entre elas a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea.