Tono Carbajo volve a Vigo con "Dende o lugar que buscamos"
Tono Carbajo regresa a Galicia coa exposición Dende o lugar que buscamos. A mostra poderá visitarse do 8 de xuño ata finais de xullo, de luns a venres, en horarios de 16:30 a 20:00h en Évame Oroza.
O título da exposición, Dende o lugar que buscamos, ten o dobre significado da busca do lugar interior, o lugar onde residen os nosos desexos e a nosa natureza íntima e por outro lado refírese tamén á necesidade que todos sentimos de atopar o noso sitio, o noso centro onde vivir e criar os nosos fillos. Este dobre sentido está representado na exposición por dous proxectos de longo percorrido, As Casiñas dos desexos e Fronteiras. A eses traballos únense tamén algúns poemas visuais que acompañan en paralelo ás dúas series de obras.
O pasado mes de marzo o artista estivo en Vigo realizando intervencións na paisaxe e tomando fotografías para algunhas das pezas que poderemos ver na Asociación Èvame Oroza. Os traballos de Tono Carbajo destes últimos anos tratan en grande medida sobre o territorio, vivido e entendido de maneiras moi diferentes. Desde os posicionamentos máis poéticos aos máis políticos e de acción colectiva.
As Casiñas dos desexos (The Houses of Whishes) é un proxecto aberto á participación, que comezou en Edimburgo en 2016 en Interviewroom 11 Gallery e chega agora a Vigo pasando por Barcelona, Madrid, Ourense ou Pitoes dás Junas en Portugal entre outros lugares. O proceso iníciase pedindo aos que queiran colaborar que envíen de forma anónima á súa páxina web, un desexo persoal e íntimo. Despois, eses desexos serán escritos sobre unhas pequenas casas construídas con madeiras recuperadas de pisos desafiuzados.
Posteriormente o artista vai “liberando” esas pequenas construcións por distintas cidades e contornas naturais. Desde a súa páxina web podemos ver a xeolocalización de cada desexo sobre o mapa.
Se a proposta das Casiñas dos desexos exprésase máis no terreo do íntimo, Fronteiras é unha serie que incide claramente no aspecto máis humano e político vivido estes últimos anos. O artista decidiu amosar as obras de Fronteiras, pola relación poética co berro en forma de verso de Carlos Oroza ¡Dejad que el trigo crezca en las fronteras! do seu poema Pliego de cargos.
As fotografías que utiliza como base deste traballo, foron realizadas polo autor durante as súas estancias nos campos de refuxiados de Idomeni, nas illas de Lesbos e Kios en Grecia, na fronteira con Marrocos ou no campo de Presevo en Serbia entre outros.
Pero aquí nos propón outra mirada, agora xa desde a lenguaxe da arte. Despois das viaxes e xa de volta no taller, Carbajo enfronta a transformación da imaxe fotográfica noutra cousa. Intervíndoas con materiais diversos como óleo, spray, pintura acrílica e obxectos, xorde entón outra mirada mais fonda e persoal. Actívase o terreo do simbólico, mais aló do que nun principio fora a noticia dunha situación e un momento concreto.
TOno carbajo
O traballo de Tono Carbajo (Vigo, 1960) comeza coa pintura a principios dos anos oitenta, pero pronto foi evolucionando cara a un espazo intermedio entre a fotografía, as vídeo-instalacións ou as performances. Actualmente vive en Barcelona.
Algunhas exposicións individuais do artista foron: “Escenas, cadrados negros e outros enlaces”, CGAC, Santiago de Compostela; "Expulsados e outros poemas de resistencia" no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB); “14 Km de sel et de rêves”, Anciens Abbatoires, Casabranca Biennale; "Lignes parallèles" e "A túa mirada, o meu abismo" no Centre d'Art Contemporain d'Essaouira, Ifitry (Marrocos); "Tiehl and The Houses Of Wishes" en INTERVIEWROOM 11 Gallery. Edimburgh.
Nestes intres é artista residente no Piramidón Centre d’art Contemporani de Barcelona. A súa obra figura nos fondos de numerosas coleccións públicas e privadas.
Enlaces aos proxectos presentados:
https://www.tonocarbajo.net/las-casas-de-los-deseos
https://www.tonocarbajo.net/fronteras