Skip to main content
Abr 5, 2024

CON `ESCLAVOS DE NUESTRA SOMBRA´ PERCORREMOS XUNTO A JORGE LENS A CIDADE DE VIGO COMO UN POETA PASEANTE

A exposición Esclavos de nuestra sombra do fotógrafo vigués Jorge Lens chegou a Évame Oroza o 5 de abril, para permanecer aberta ao público ata  finais de maio.

A través de 29 fotografías tomadas na cidade de Vigo, Esclavos de nuestra sombra convídanos a percorrer as rúas con novos ollos, a descubrir a beleza no común e a reflexionar sobre a complexidade da vida urbana, nunha viaxe visual e verbal. Nesta mirada atenta e honesta sobre a nosa contorna reside a auténtica poesía.

O fotógrafo rueiro, do mesmo xeito que o poeta paseante, penétrase nos recunchos da cidade, observando atentamente a vida que bole á súa ao redor ou o silencio que emana das súas rúas.

Acompañando a estas imaxes, e no propio título da exposición Esclavos de nuestra sombra, atopamos os versos de Carlos Oroza, cuxa poesía se nutre do deambular polas rúas e do encontro co trivial. As súas palabras entrelázanse coas imaxes, creando un diálogo entre o visual e o verbal, entre a imaxe capturada e a emoción evocada. Neste intercambio, revélase a poesía que subxace nas experiencias cotiás, nos recunchos esquecidos e nos rostros anónimos que poboan a cidade.

JORGE LENS

Jorge Lens (Vigo, 1967), licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidad Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Vigo, combinou nos seus inicios o seu traballo diario no xornal La Voz de Galicia coa fotografía de autor, participando en numerosas exposicións en Galicia, España e a nivel internacional.

No ano 1997 comeza exercer como profesor de fotografía na Universidade de Vigo -labor que continúa exercendo- no Grado de Comunicación Audiovisual e no Grado de Publicidade e RR.PP.

Despois duns anos desvinculado da práctica fotográfica, no ano 2016 retoma a fotografía e comeza desenvolver un amplo proxecto no ámbito da fotografía urbana, City Blues, que o levou a retratar as grandes capitais europeas e que, producido pola AECID, foi exposto a través da rede de Centros Culturais de España en Latinoamérica.

Como consecuencia destas itinerancias, actualmente está a ultimar un novo proxecto documental ao redor da fotografía urbana nas capitais centroamericanas que recompilará fotografías tomadas nas cidades de San Salvador, San José de Costa Rica, cidade de Guatemala, Tegucigalpa, Managua e cidade de Panamá.

Web patrocinada por

© Evame Oroza. Todos los derechos reservados.
Desarrollado por Bonaval Multimedia SL.