Skip to main content
Set 6, 2024

Charlas abertas

A asociación Évame Oroza organiza en setembro un ciclo de charlas multidisciplinares que permitirán ao público achegarse ao traballo de artistas de diferentes disciplinas. O ciclo, que se celebra en colaboración coa Deputación Pontevedra, dará comezo o venres 13 de setembro e estenderase ao longo de tres venres en sesións temáticas organizadas arredor do cine, a arte urbana e o traballo coa luz. Entrada libre ata completar aforo.

Baixo o nome de Charlas Abertas, a asociación Évame Oroza retoma a súa programación despois do descanso estival para achegar ao público unha serie de conversas nas que artistas de diferentes disciplinas conversaran de maneira libre e distendida sobre elementos comúns do seu traballo, propostas e obxectivos.

O ciclo, que dará comezo o venres 13 de setembro e se estenderá ata o venres 27, constará de tres sesións organizadas tematicamente arredor do cine, a arte urbana e o traballo coa luz, respectivamente. En cada unha das citas, dúas persoas chegadas de xeracións e disciplinas non sempre coincidentes partirán do título xeral para ir debullando aquelas cuestións que consideren importantes e definitorias da súa vivencia como creadores.

As charlas serán mantidas pola escritora María Lado e a pretensión das mesmas é que se traten temas do máis diverso, dende a perspectiva de xénero ata as peculiaridades dos distintos sectores e experiencias vitais das persoas convidadas. Non son, polo tanto, “conferencias ao uso, senón máis ben encontros entre persoas que pensamos que comparten puntos de vista complementarios e que poden aportarnos como público unha mellor comprensión do seu quefacer e experiencia no mundo da arte”, indican dende a organización.

A programación do ciclo comeza coa sesión adicada ao cine, na que intervirán a directora Jaione Camborda, recentemente gañadora da Concha de Oro no festival de San Sebastián pola película O Corno e Bea Saiáns, novísima cineasta (e poeta) e unha das fundadoras da produtora audiovisual transfeminista Cru Producións. O punto de partida da súa conversa será a representación de xénero no mundo do cine.

A segunda cita das Charlas Abertas, prevista para o 20 de setembro, terá como fío condutor a arte pública e estará protagonizada polo escultor Sergio Portela e o muralista Nove Noel.

Na última sesión das charlas sentarán conversar a iluminadora Laura Iturralde e o pintor Din Matamoro. Ambos talentos están unidos, en palabras da organización “polo traballo coa luz e a sensibilidade visual que demostran nas súas creacións”.

Todas as charlas terán lugar no local da asociación Évame Oroza e darán comezo ás 20:00 horas. A entrada e libre ata completar aforo.

Web patrocinada por

© Evame Oroza. Todos los derechos reservados.
Desarrollado por Bonaval Multimedia SL.