Skip to main content
Nov 7, 2023

A galega Lupe Gómez e o chileno Morales monterríos, gañadores da primeira edición do Premio Internacional de poesía Carlos Oroza

Amancio Prada recollerá o “recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía”.

A galega Lupe Gómez e o chileno Morales Monterríos son os vencedores da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nas modalidades de galego e castelán, respectivamente. Os premios teñen unha dotación de 6.000 euros cada un e os galardoados recibirán unha figura de Oroza realizada en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.

O día 7 de novembro tivo lugar a rolda de prensa de lectura do fallo dos xurados no local da Asociación Évame Oroza coa participación da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidente primeira da Deputación Provincial de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; o presidente da asociación Évame Oroza, Xabier Romero; o presidente do xurado da modalidade de galego, Antonio García Teijeiro e a integrante do xurado de castelán Patricia Meira.

O presidente da asociación Évame Oroza destacou a repercusión que tivo o concurso, con case 1.100 traballos presentados e cun número moi importante de propostas procedentes de Hispanoamérica. “Isto ven a demostrar que de iniciativas modestas poden xurdir cousas importantes”, sinalou.

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira da Deputación Provincial de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, manifestou que “hoxe é un día importante para a cultura en xeral e para a poesía en particular da cidade de Vigo e de Galicia” e felicitou á Asociación Évame Oroza polo traballo que está a facer neste primeiro ano de vida: “Estades a ser un revulsivo cultural para a nosa cidade, cunha programación de actividades moi completa e unha resposta excepcional a este concurso, con máis dun milleiro de traballos presentados. Levades a bandeira da cultura e iso é unha grande responsabilidade para vós, pero podo asegurar que sempre estaremos ao voso carón”.

Pola súa banda, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, expresou a súa satisfacción por “estar hoxe aquí, nun día importante para Galicia, no que somos testemuñas tanto da recuperación dun lugar do Casco Vello de Vigo, como da cultura da nosa cidade, cunha asociación chea de actividade, e proba diso é este concurso que foi un éxito de participación e de calidade creativa”. E tralos discursos, foi o momento de coñecer os nomes dos/as gañadores desta primeira edición do Premio Carlos Oroza, nas modalidades de galego e castelán a cargo dos xurados Patricia Meira e Antonio García Teijeiro.

Modalidade de castelán

A obra “Carbono 14”, de Roberto Morales Miranda - que firma as súas obras como Morales Monterríos - foi elixida como gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de castelán. O xurado destaca na acta de concesión do premio “o coidadoso traballo coa linguaxe nunha obra que explora o poético desde o razoamento lóxico sen deixar de atender ao lirismo e á procura da beleza. É, en definitiva, un poemario que na súa sutileza mestra esconde un manual para entender o mundo no que fisicamente vivimos”.

Morales Monterríos (Chile, 1970) publicou os libros Antichton (2000), Pantheon (2004), Príncipe de Chile (2007), Hécate (2009), Popol Vudú, Libro 1, Nómade in Chile (2017), Poemas de amor do obreiro John Bágoas. Os seus grandes éxitos (2018), O Tabo Che King (2022), NODO (2022).

En 2022 resultou gañador do Premio Hispanoamericano de Poesía de San Salvador co libro NODO, e do XXII Premio de poesía Vicente Núñez (Córdoba, España), co seu libro Seda-Sade.

Modalidade de galego

O poemario “Herbario da noite pecha”, de Lupe Gómez Arto foi a obra elixida polo xurado da modalidade de galego. Na acta, o xurado valora “a linguaxe limpa, transparente e luminosa dos seus versos. O seu carácter sensorial é quen de transportar o lector cara a un universo da memoria vencellada coa infancia a través dunha ollada tenra e feminina. Un poemario directo de verso curto, onde se percibe o latexo da terra”.

Guadalupe Gómez Arto, nada en Fisteus (Curtis) en 1972, é unha poeta e xornalista galega, coñecida como Lupe Gómez, que publicou libros de poesía como Pornografía (1995), Camuflaxe (2017), Caracois de Belvís (2020) ou Montaña Ioga (2022). Obtivo, entre outros, os premios Johán Carballeira, Premio da Crítica, Miguel González Garcés e Fiz Vergara Vilariño. É autora da narración autobiográfica Fisteus era un mundo (2001) e do epistolario Fosforescencias (2019). O 2023 está a ser o seu ano: Con Salón de Té (Xerais, 2023) gañou o XI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e agora o I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza.

Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía

No transcurso da rolda de prensa tamén se anunciou o “Recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía” que nesta primeira edición foi concedida ao compositor e intérprete Amancio Prada, autor que ao longo da súa carreira fixo un percorrido pola literatura de todo o territorio español e de todas as épocas, dende Jorge Manrique, San Juan da Cruz, Santa Teresa, Gustavo Adolfo Bécquer e Rosalía de Castro, ata Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, María Zambrano, Álvaro Cunqueiro, Carmen Martín Gaite, Agustín García Calvo.

O premio non ten dotación económica e consiste nunha peza realizada ex profeso polo artista Antón Lamazares, así como unha figura de Oroza feita en bronce pola artista Cuqui Piñeiro.

Entrega de premios, o 17 de novembro

O 17 de novembro (20:00 horas) celebrarase, no auditorio da Afundación en Vigo, a gala de entrega do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nun emocionante acto no que tamén se presentará o libro Oroza 100, no que máis de cen escritores, artistas e amigos ofrecerán o seu punto de vista sobre a figura do gran poeta oral. Uxía Senlle porá a nota musical nun evento cheo de poesía e arte. A entrada é libre ata encher o aforo

Web patrocinada por

© Evame Oroza. Todos los derechos reservados.
Desarrollado por Bonaval Multimedia SL.