Méndez Ferrín nomeado socio de honra da Asociación Évame Oroza
A Asociación Évame Oroza organizou un xantar para nomear ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín Socio de Honra e así renderlle unha sentida e merecida homenaxe, durante a cal se lle fixo entrega dunha obra do artista Antón Patiño.
Este recoñecemento recaeu nel polo seu compromiso coa lingua e a literatura galegas, así como co seu traballo a prol do país e da cultura. Durante o acto, varias persoas en representación da asociación dedicaron unhas palabras ao homenaxeado, entre elas Menchu Lamas e Xabier Romero. Destacouse, entre outras cousas, a proximidade que existía entre Oroza e Ferrín.
Ferrín recibiu o nomeamento con emoción e dedicou unhas palabras á figura de Oroza, sinalando o fonda que fora a súa amizade dende que se coñeceran en Madrid. Tamén expresou o seu agradecemento a todas as persoas que traballan na asociación para manter acesa a súa chama. Foi un acto pequeno e moi sentido.
A asociación ten previsto nomear en próximas datas Socia de Honra a Elba Rei, que mantén acesa a memoria de Uxío Novoneyra a través da fundación que leva o seu nome.