O CICLO DE CONFERENCIAS `POETAS REFERENTES´ ANALIZARÁ AS PEGADAS DE DIVERSOS POETAS NA OBRA DE CARLOS OROZA
Nestas charlas analizarase a obra de diversas influenzas literarias recoñecidas polo propio escritor como lecturas fundamentais.
A asociación Évame Oroza organiza unha serie de conferencias centradas naquelas autoras e autores que influíron na obra, e tamén na vida, de Oroza. O ciclo, coordinado por Luz Eva Fernández, levará por título `Poetas Referentes´ e ao longo de cinco xornadas pretende achegar ao público as figuras de Uxío Novoneyra, Walt Whitman, Friedrich Hölderlin, Rosalía de Castro e César Vallejo, nomes que o propio Oroza recoñecía fundamentais nas súas lecturas.
Do 6 ao 27 de outubro, `Poetas Referentes´ traerá a Vigo a especialistas en cada un destes autores. Entre as persoas convidadas atopamos nomes como o da poeta Branca Novoneyra, que falará sobre Uxío Novoneyra; o traductor e escritor Eduardo Moga, que se encargará de Walt Whitman; Helena Cortés Gabaudan, premio Nacional de Tradución, que nos presentará a figura de Hölderlin; ou Anxo Angueira, escritor, estudoso da literatura galega e presidente da Fundación Rosalía de Castro, que tratará a obra da poeta galega. As conferencias están programadas para os venres, a partir das 19:00 horas, no local da asociación, situado no número 5 da rúa Subida á Costa, no Casco Vello Alto de Vigo.
O ciclo Poetas Referentes dará comezo o vindeiro venres 6 de outubro coa conferencia dedicada ao autor estadounidense Walt Whitman que será impartida por Eduardo Moga. O escritor e crítico literario ten un profundo coñecemento da obra de Whitman, pois foi o encargado de traducir ao castelán os poemarios Hojas de hierba (2014) Canto de mí mismo y otros poemas (2019) e Yo soy el poema de la Tierra (2019). El mesmo é un poeta de longa traxectoria que conta con recoñecementos como o premio Adonáis de Poesía e o International latino Book Award.
A continuación, o venres 13 de outubro, será o momento de escoitar a Helena Cortés Gabaudan, doutora en Filoloxía Alemana e especialista en Hölderlin, a quen dedicará a conferencia. Helena é profesora titular do Departamento de Filoloxía Alemá da Universidade de Vigo, actividade que combina coa tradución e a escrita de libros. Trouxo ao castelán a autores como Goethe, Hölderlin, Rilke, Heidegger, os irmáns Grimm e Fontane. Así mesmo, foi directora do Instituto Cervantes en Bremen, Hamburgo e Múnich.
O día 20 de outubro participará no ciclo o escritor Anxo Angueira, poeta clave nas últimas décadas da literatura galega, estudoso da obra e vida de Rosalía de Castro, así como presidente da fundación que leva o nome da poeta. Angueira é sen dúbida un dos maiores coñecedores da poeta galega, pola que Oroza sentía profunda admiración, e sobre ela versará a xornada.
Finalmente, o venres 27 de outubro, contaremos coa presenza de Branca Novoneyra, quen analizará a estreita relación de amizade entre os poetas Uxío Novoneyra e Carlos Oroza e a pegada que esta deixou na obra de Carlos. Cabe destacar que Branca Novoneyra non só é unha poeta fundamental da literatura galega actual, senón que mantén o legado de Uxío Novoneyra a través do seu traballo na fundación dedicada ao escritor. Non é a primeira vez que colabora coa asociación Évame Oroza, pois ela foi tamén a comisaria da exposición itinerante que celebra o centenario de Carlos Oroza, a cal nestes momentos continúa a súa viaxe por diversas cidades galegas logo do seu paso por Vigo, Pontevedra, Viveiro, O Courel e Ribadavia.