O Festival Máis Alto que o Ceo arrinca coa poesía de Nuria Vil e Lúa Mosquetera
Co título “Máis alto que o ceo” -que fai referencia a un verso de Carlos Oroza-, a asociación Évame Oroza traerá ao Casco Vello Alto de Vigo unha mostra das máis significativas propostas da escena lírica galega dos nosos días. Un proxecto co que a asociación quere poñer en valor a potencia e calidade da literatura galega, en especial o xénero lírico, recoñecido máis aló das nosas fronteiras, como demostra que varios Premios Nacionais de Poesía sexan, precisamente, autoras galegas.
Con esta idea en mente, a asociación artellou unha programación que adquire vocación de festival expandido ao longo de varias semanas. Trátase de seis sesións que darán comezo o vindeiro venres 14 de xuño ás 20:00 horas coa participación de Nuria Vil e Lúa Mosquetera, quen virá acompañada do músico Pablo Seijas que tocará a guitarra. Ambas as dúas poetas caracterízanse pola súa ampla experiencia escénica e a potencia dos seus recitados. Elas serán as encargadas de abrir o programa que continuará o 28 de xuño co recital musicado “Resonancia” de Marina Oroza. A poeta, actriz e performer dará voz aos seus poemas acompañada do compositor Marc Egea á zanfona.
Ledicia Costas e María Lado serán as encargadas da sesión do 5 de xullo, unha cita moi especial que volve unir a estas dúas escritoras que compartiron activismo poético no colectivo vigués Poetas da Hostia. Será, ademais, unha boa ocasión para que o público se achegue aos versos de Ledicia Costas -gañadora, entre outros, do Premio Poesía Afundación 2022-, que fai un alto na promoción da súa última novela, “Pel de Cordeiro”, para participar no Máis Alto que o Ceo.
A cuarta sesión será o día 12 de xullo e estará protagonizada pola poeta Estíbaliz Espinosa, quen destaca pola transversalidade dos seus recitais, que abarcan campos como a música, o videopoema e o traballo escénico.
Destaca tamén a presenza do poeta e narrador oral Celso Fernández Sanmartín, poeta da xeración dos 90 dotado cunha voz poética única e moi persoal. A cita con el será o venres día 19 de xullo, nunha sesión que promete ser íntima e emocionante.
Finalmente, o programa pecharase o día 26 de xullo co concerto da banda Moloch, formada por Laura García (guitarra e voz), Violeta Mosquera (batería) e Andrés Martínez (teclados). Cun rock progresivo e experimental, Moloch naceu para homenaxear ao poeta pontevedrés Jorge Cuña Casasvellas, cuxos poemas son as bases para as letras. Na actualidade están en plena xira de presentación do seu segundo disco, Hipofanías, baseado no libro homónimo de Jorge Cuña.
Todos os actos do festival darán comezo ás 20:00 horas e desenvolveranse no local da asociación Évame Oroza, situado na rúa Subida á Costa n.º 5 do Casco Vello Alto. É intención da organización que, se o tempo o permite, poidan desenvolverse na praciña exterior na que se sitúa a sede da asociación, coñecida popularmente como Praza do Abanico. A entrada aos recitais é de balde ata completar o aforo.