Skip to main content

Exposición "Paisaxe interior," de Xulio García Rivas

Actividade

expo

Cando

venres, 14 de marzo,
20:00 h.

Onde

Asociación Évame Oroza.
Rúa Subida a Costa, 5
36202 Vigo

O venres 14 de marzo, celebrarase, ás 20:00 horas, na Asociación Évame Oroza, a inauguración da exposición Paisaxe interior, do artista galego Xulio García Rivas. No acto, Xulio estará acompañado polo escritor e amigo Antonio García Teijeiro, quen participou ademais no catálogo creado para esta mostra.

Paisaxe interior  reúne parte da obra máis recente de Xulio García Rivas, unha selección de pezas de mediano e gran formato realizadas en tinta chinesa e acrílico sobre lenzo. As dimensións dalgunhas das pezas xogan un papel destacado nesta proposta de carácter inmersivo coa que se tenta conectar ao espectador co seu mundo interior, a través da interpretación da paisaxe que se fundamenta, na memoria, a imaxinación, a intuición, a emoción ou o azar.

A obra de Xulio García Rivas contén elementos da pintura taoísta chinesa, na que a paisaxe é un elemento cambiante, en continua transformación; e do expresionismo abstracto que se transforma nunha referencia espiritual e poética. Na mostra expóñense varias obras inéditas.

Xulio García Rivas (Borraxeiros, Agolada, Pontevedra, 1947) é un recoñecido artista galego, que ten realizado máis de corenta exposicións individuais e numerosas colectivas dentro e fóra de Galicia. Obra da súa autoría figura en importantes coleccións públicas e privadas, entre elas no Parlamento de Galicia, Fundación Caja Madrid, Irmandade Galega de Venezuela, Colección Abanca, Deputación de Pontevedra, Deputación da Coruña e Concellos de Lalín e Agolada.

Entre as últimas exposicións individuais realizadas pódense destacar: Fundación Luis Seoane «Manancial de Sombras» 2023; Espiral Maior Foro «As Raíces da Luz» Carballo, 2022; Galería Monty 4, 2020, A Coruña; Galería Atlántica, 2015, 2010 A Coruña; Centro Cultural Marcos Valcárcel, 2013 Ourense; Galería Trisquel e Medulio, 2011 Tui; Galería Citania, 2011, Santiago de Compostela; Caixanova, 2008, Vigo.